Revira e sacode o mapa mundial da enerxía, abre unha dura batalla ambiental e ennegrece o futuro das renovables // A mesma tecnoloxía que permite acceder a enormes bolsas desta enerxía, antes inaccesible, atemoriza ás persoas e destroza o medio
Galicia Hoxe
O pasado día 6 deste mes de decembro, o presidente da multinacional española Repsol, Antonio Brufau, participou no XX Congreso Mundial do Petróleo en Doha (Qatar). Interesoume moito o seu discurso, xa polo título: "Solucións para os desafíos enerxéticos globais: seguridade xurídica, protección do medio ambiente e cooperación xeopolítica", como el mesmo di, "enormemente ambicioso". Facía pensar en cambios estratéxicos significativos e, sen embargo, eu non puiden ler ou ver máis alá dunha eufórica benvida ás novas e enormes bolsas de enerxía: o gas de pizarra e o petróleo dos océanos máis profundos.
Miren se haberá gas de pizarra, que no sector deixou de ter actualidade o debate do 'pico do petróleo' (o momento no que a extracción de cru chega ao seu máximo, algo que xa aconteceu en bastantes países produtores, e empeza a descender cara ao esgotamento, nun prazo estimado de cen ou douscentos anos). É dicir, que hai tanto gas de pizarra accesible e rendible que xa case non preocupa que o petróleo se acabe.
Agora o que preocupa é posicionarse ben na extracción deste gas, ou sexa, facerse cos dereitos sobre canto máis terreo, mellor, e tirar para diante. A mesma Repsol ten un enorme anaco de territorio ben surtido en Arxentina. Desátase a euforia entre as industrias extractoras, que ven moito diñeiro a gañar, e tamén entre os gobernos dos países que teñen o ben enerxético no seu solo, porque xa non serán dependentes doutros países, inestables politicamente, aos que lles tiñan que comprar, e aínda poden pasar a ser exportadores, como o caso de Estados Unidos. Elas, as industrias, investirán miles de millóns de dólares nos terreos e nos novos sistemas de extracción do gas, a cambio de que eles, os gobernos dos países, garantan a seguridade xurídica durante as décadas vindeiras. E neste contexto de abundancia inmediata, quen se vai acordar das enerxías renovables? Probablemente quedarán desincentivadas e semiesquecidas, e languidecerán, e con elas o medio ambiente, unha vez máis o gran perdedor.
Antonio Brufau achega os datos que moven a industria a poñer toda a carne no asador da producción de enerxía. O primeiro, que a demanda vai ir a máis, moito a máis. Estímase que o consumo enerxético global vai medrar un 40% ata o 2035, e que seguiremos tendo unha dependencia altísima dos combustibles fósiles. E acode ás desigualdades da humanidade para xustificar obxectivos, que cousas!, porque hoxendía, di Brufau, hai 1.300 millóns de persoas sen acceso á electricidade, e 2.700 millóns non dispoñen de combustibles domésticos modernos.
Neste contexto aparecen as novas capacidades tecnolóxicas que permiten a extracción rendible de inxentes cantidades de 'gas de pizarra' ao que antes non se podía acceder. A pregunta é a que prezo ambiental, porque o sistema utilizado para conseguilo dá moito medo. Chámase “fractura hidráulica” e rompe o subsolo en infinitas fendas que se producen ao inxectar millóns de toneladas de auga a gran presión mesturada con area e centos de produtos químicos sen control. En resume, consume inxentes cantidades de auga, mobiliza enormes frotas de camións e contamina acuíferos, ríos e mesmo a rede de subministro de auga potable das residencias cercanas aos pozos de extracción. Os contaminantes son o propio gas e os centos de químicos, algúns deles coñecidos radioactivos e outros coñecidos canceríxenos. A fractura hidráulica provoca enfermidades nas persoas e no gando e mesmo pode provocar pequenos terremotos. Para facérense unha idea dos danos ao medioambiente e ás persoas poden ver o documental elaborado polo estadounidense Josh Fox, titulado 'Gasland'. Poden descargalo aquí.
Hai moitísimo gas de pizarra en China, Estados Unidos, Arxentina e Canadá. Tamén o hai en Europa, especialmente en Polonia, país no que comezaron a extracción franca, mentres que noutros a consideración foi moi diferente. De feito, o presidente francés Nicolas Sarkozy decidiu anular os permisos de extracción do gas que lle outorgara a dúas multinacionais.
A controversia é grande. Vexan, por exemplo, que di un experto no seu blog: “A finais deste mes, cando estean os periodistas mirando para Durban, Sudáfrica, onde unha vez máis tratarase do CO2 e os seus perigos planetarios, estarase celebrando en Varsovia, Polonia, unha conferencia moito máis discreta e práctica sobre o futuro del shale gas en Europa. Que xa é hora. Non é raro que a conferencia se celebre en Polonia, o país que mellor sorteou a crise, pois son os polacos os máis decididos europeos en extraer gas do seu subsolo e librarse da dependencia externa. Ben é certo que nesta tarefa van ser axudados, e moito, polas compañías americanas que dominan a tecnoloxía...”
Hai outros expertos que falan da soberbia que significa non extraer todo o gas que poidamos só por conservar limpo o noso xardín, en comentario sarcástico.
Está claro que as industrias van por todas. E saben que terán a complicidade dos gobernos, que na maioría dos casos entregan cheques en branco: “ti dame pronto enerxía e fai o que queiras”. Vímolo estes días no decepcionante cumio de Durban sobre o clima e os recortes de emisións. Uns e outros falaron de protección do medio, de sistemas sustentables, de respecto ecolóxico... Moitos bos propósitos e ningún compromiso. Como sempre. A enerxía é necesaria, pero a un prezo razoable. Só queda a dura batalla en defensa da natureza e na procura dunha política enerxética ecoloxicamente racional, que non acabe destruíndonos.
AS AUGAS PROFUNDAS E O ÁRTICO
Do discurso de Antonio Brufau intúense outras batallas; non esquezamos a 'guerra' política pola posesión de áreas inmensas de dubidosa propiedade. Para Repsol son moi importantes as augas profundas, ultraprofundas e o Ártico. Se son importantes para Repsol, imaxínense para os países propietarios desas profundidades. E a pregunta é: quen son os donos?
Hai algúns anos que estas cousas xa se vían vir. En 2007, Rusia somerxeu o batiscafo tripulado Mir-1 para colocar a bandeira rusa a 4.261 metros de profundidade e reclamar así que "o Polo norte é unha extensión da plataforma costeira rusa". Nada menos. Detrás desta aventura está, obviamente, o petróleo, o gas e os minerais, en cantidades probablemente moi significativas.
Nada fai pensar que outros países veciños deixarán de reclamar e esixir supostos dereitos no Ártico: hai moito que gañar. Naquel ano de 2007, Estados Unidos e Canadá disputaban dereitos na Pasaxe do Noroeste. Noruega e Rusia reclamaban o Mar de Barents. Canadá e Dinamarca competían por unha pequena illa próxima á costa de Groenlandia. O Parlamento ruso negábase a ratificar un acordo con Estados Unidos sobre o Mar de Bering, e Dinamarca tamén reclambaa o Polo norte. Os cinco países involucrados estaban considerando outras dúas formas potenciais de compartir a rexión, mediante as que se dividiría o mar en partes iguais.
O acceso á enerxía agochada no Ártico mesmo pode verse facilitada, paradoxicamente, polo dano que as industrias lle están facendo á capa de ozono. O desconxelamento acelérase e pode abrir camiños antes imposibles. E que me din do caso de Groenlandia, que probablemente prevendo tantas riquezas nos seus mares ou solos ou fondos mariños, empezou, cando menos, a pensar en facerse independente de Dinamarca xa en 2008? Cando un é pobre busca protectores, pero cando é rico... non quere repartir. Somos así. O peor é que estas diferencias acaban como o rosario da aurora. Para intuír o enorme perigo destas situacións basta mirar o mapa do petróleo... e sobrepoñelo ao mapa dos conflictos bélicos e zonas quentes do planeta. Fágano e verán como se parecen moito. E nesas andamos.
Shale gas: hacia la conquista de la nueva frontera extractiva
“LLAMARADA” DE AGUA DE UN POZO RESIDENCIAL CONTAMINADO CON GAS. EL LETRERO DICE “NO TOMAR ESTA AGUA”. IMAGEN DEL DOCUMENTAL GASLAND