BIBLIOTECA

nixiweb

nixiweb - Hosting Gratis

DOCUMENTOS ECONOMIA

jueves, 15 de diciembre de 2011

O gas de pizarra: da euforia ao medo

Revira e sacode o mapa mundial da enerxía, abre unha dura batalla ambiental e ennegrece o futuro das renovables // A mesma tecnoloxía que permite acceder a enormes bolsas desta enerxía, antes inaccesible, atemoriza ás persoas e destroza o medio 

 Galicia Hoxe


Repsol é a primeira empresa española por volume de facturación. Con só dous datos correspondentes ao pasado exercicio podemos facernos cargo do seu tamaño: os ingresos das operacións alcanzaron os 60.430 millóns de euros, e os beneficios despois de impostos foron de 4.693 millóns de euros. Un coloso, cun poder, polo tanto, colosal. Inflúe nas políticas dos gobernos, no só do noso, e condiciona as nosas vidas dun xeito moi cercano. Produce derivados do petróleo que, obviamente, necesitamos, que pagamos a prezos elevados e que usamos nas casas, nos coches, nas estradas ou nas fábricas. Produce cun alto custe ambiental porque as súas factorías -temos unha en Galicia- ensucian moito e son moi perigosas. Está claro que importa moito saber que pensan as persoas que dirixen empresas como Repsol e que plans teñen para o futuro.

O pasado día 6 deste mes de decembro, o presidente da multinacional española Repsol, Antonio Brufau, participou no XX Congreso Mundial do Petróleo en Doha (Qatar). Interesoume moito o seu discurso, xa polo título: "Solucións para os desafíos enerxéticos globais: seguridade xurídica, protección do medio ambiente e cooperación xeopolítica", como el mesmo di, "enormemente ambicioso". Facía pensar en cambios estratéxicos significativos e, sen embargo, eu non puiden ler ou ver máis alá dunha eufórica benvida ás novas e enormes bolsas de enerxía: o gas de pizarra e o petróleo dos océanos máis profundos.

Miren se haberá gas de pizarra, que no sector deixou de ter actualidade o debate do 'pico do petróleo' (o momento no que a extracción de cru chega ao seu máximo, algo que xa aconteceu en bastantes países produtores, e empeza a descender cara ao esgotamento, nun prazo estimado de cen ou douscentos anos). É dicir, que hai tanto gas de pizarra accesible e rendible que xa case non preocupa que o petróleo se acabe.

Agora o que preocupa é posicionarse ben na extracción deste gas, ou sexa, facerse cos dereitos sobre canto máis terreo, mellor, e tirar para diante. A mesma Repsol ten un enorme anaco de territorio ben surtido en Arxentina. Desátase a euforia entre as industrias extractoras, que ven moito diñeiro a gañar, e tamén entre os gobernos dos países que teñen o ben enerxético no seu solo, porque xa non serán dependentes doutros países, inestables politicamente, aos que lles tiñan que comprar, e aínda poden pasar a ser exportadores, como o caso de Estados Unidos. Elas, as industrias, investirán miles de millóns de dólares nos terreos e nos novos sistemas de extracción do gas, a cambio de que eles, os gobernos dos países, garantan a seguridade xurídica durante as décadas vindeiras. E neste contexto de abundancia inmediata, quen se vai acordar das enerxías renovables? Probablemente quedarán desincentivadas e semiesquecidas, e languidecerán, e con elas o medio ambiente, unha vez máis o gran perdedor.

Antonio Brufau achega os datos que moven a industria a poñer toda a carne no asador da producción de enerxía. O primeiro, que a demanda vai ir a máis, moito a máis. Estímase que o consumo enerxético global vai medrar un 40% ata o 2035, e que seguiremos tendo unha dependencia altísima dos combustibles fósiles. E acode ás desigualdades da humanidade para xustificar obxectivos, que cousas!, porque hoxendía, di Brufau, hai 1.300 millóns de persoas sen acceso á electricidade, e 2.700 millóns non dispoñen de combustibles domésticos modernos.

Neste contexto aparecen as novas capacidades tecnolóxicas que permiten a extracción rendible de inxentes cantidades de 'gas de pizarra' ao que antes non se podía acceder. A pregunta é a que prezo ambiental, porque o sistema utilizado para conseguilo dá moito medo. Chámase “fractura hidráulica” e rompe o subsolo en infinitas fendas que se producen ao inxectar millóns de toneladas de auga a gran presión mesturada con area e centos de produtos químicos sen control. En resume, consume inxentes cantidades de auga, mobiliza enormes frotas de camións e contamina acuíferos, ríos e mesmo a rede de subministro de auga potable das residencias cercanas aos pozos de extracción. Os contaminantes son o propio gas e os centos de químicos, algúns deles coñecidos radioactivos e outros coñecidos canceríxenos. A fractura hidráulica provoca enfermidades nas persoas e no gando e mesmo pode provocar pequenos terremotos. Para facérense unha idea dos danos ao medioambiente e ás persoas poden ver o documental elaborado polo estadounidense Josh Fox, titulado 'Gasland'. Poden descargalo aquí.

Hai moitísimo gas de pizarra en China, Estados Unidos, Arxentina e Canadá. Tamén o hai en Europa, especialmente en Polonia, país no que comezaron a extracción franca, mentres que noutros a consideración foi moi diferente. De feito, o presidente francés Nicolas Sarkozy decidiu anular os permisos de extracción do gas que lle outorgara a dúas multinacionais.

A controversia é grande. Vexan, por exemplo, que di un experto no seu blog: “A finais deste mes, cando estean os periodistas mirando para Durban, Sudáfrica, onde unha vez máis tratarase do CO2 e os seus perigos planetarios, estarase celebrando en Varsovia, Polonia, unha conferencia moito máis discreta e práctica sobre o futuro del shale gas en Europa. Que xa é hora. Non é raro que a conferencia se celebre en Polonia, o país que mellor sorteou a crise, pois son os polacos os máis decididos europeos en extraer gas do seu subsolo e librarse da dependencia externa. Ben é certo que nesta tarefa van ser axudados, e moito, polas compañías americanas que dominan a tecnoloxía...”

Hai outros expertos que falan da soberbia que significa non extraer todo o gas que poidamos só por conservar limpo o noso xardín, en comentario sarcástico.

Está claro que as industrias van por todas. E saben que terán a complicidade dos gobernos, que na maioría dos casos entregan cheques en branco: “ti dame pronto enerxía e fai o que queiras”. Vímolo estes días no decepcionante cumio de Durban sobre o clima e os recortes de emisións. Uns e outros falaron de protección do medio, de sistemas sustentables, de respecto ecolóxico... Moitos bos propósitos e ningún compromiso. Como sempre. A enerxía é necesaria, pero a un prezo razoable. Só queda a dura batalla en defensa da natureza e na procura dunha política enerxética ecoloxicamente racional, que non acabe destruíndonos.

AS AUGAS PROFUNDAS E O ÁRTICO

Do discurso de Antonio Brufau intúense outras batallas; non esquezamos a 'guerra' política pola posesión de áreas inmensas de dubidosa propiedade. Para Repsol son moi importantes as augas profundas, ultraprofundas e o Ártico. Se son importantes para Repsol, imaxínense para os países propietarios desas profundidades. E a pregunta é: quen son os donos?

Hai algúns anos que estas cousas xa se vían vir. En 2007, Rusia somerxeu o batiscafo tripulado Mir-1 para colocar a bandeira rusa a 4.261 metros de profundidade e reclamar así que "o Polo norte é unha extensión da plataforma costeira rusa". Nada menos. Detrás desta aventura está, obviamente, o petróleo, o gas e os minerais, en cantidades probablemente moi significativas.
Nada fai pensar que outros países veciños deixarán de reclamar e esixir supostos dereitos no Ártico: hai moito que gañar. Naquel ano de 2007, Estados Unidos e Canadá disputaban dereitos na Pasaxe do Noroeste. Noruega e Rusia reclamaban o Mar de Barents. Canadá e Dinamarca competían por unha pequena illa próxima á costa de Groenlandia. O Parlamento ruso negábase a ratificar un acordo con Estados Unidos sobre o Mar de Bering, e Dinamarca tamén reclambaa o Polo norte. Os cinco países involucrados estaban considerando outras dúas formas potenciais de compartir a rexión, mediante as que se dividiría o mar en partes iguais.

O acceso á enerxía agochada no Ártico mesmo pode verse facilitada, paradoxicamente, polo dano que as industrias lle están facendo á capa de ozono. O desconxelamento acelérase e pode abrir camiños antes imposibles. E que me din do caso de Groenlandia, que probablemente prevendo tantas riquezas nos seus mares ou solos ou fondos mariños, empezou, cando menos, a pensar en facerse independente de Dinamarca xa en 2008? Cando un é pobre busca protectores, pero cando é rico... non quere repartir. Somos así. O peor é que estas diferencias acaban como o rosario da aurora. Para intuír o enorme perigo destas situacións basta mirar o mapa do petróleo... e sobrepoñelo ao mapa dos conflictos bélicos e zonas quentes do planeta. Fágano e verán como se parecen moito. E nesas andamos.


Shale gas: hacia la conquista de la nueva frontera extractiva












 

“LLAMARADA” DE AGUA DE UN POZO RESIDENCIAL CONTAMINADO CON GAS. EL LETRERO DICE “NO TOMAR ESTA AGUA”. IMAGEN DEL DOCUMENTAL GASLAND


Gas de pizarra en Europa